PUBLICADA NO DOG A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DINAMIZADORES 2008-2009 Resolución do 18 de xuño de 2008 pola que se anuncia a convocatoria para subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia correspondentes ao período 2008-2009.
Medida I. Diversificación cara actividades non agrarias. O obxectivo desta medida é o de ampliar o abano de actividades desenvolvidas no marco das explotacións agrarias, incentivando a diversificación destas. En xeral, concederanse subvencións que fomenten o inicio ou mellora de calquera actividade produtiva non agraria, que supoña un complemento á renda dos agricultores e permita un mellor aproveitamento das infraestruturas e bens de capital existentes na explotación ou da man de obra excedente. Beneficiarios: os membros dunha unidade familiar ligada a unha explotación agraria, que realicen actividades agrarias nunha explotación no momento de solicitar a axuda. A explotación deberá estar en posesión do código de explotación agraria e o titular da explotación deberá obter como mínimo o 15% da súa renda total da actividade agraria realizada na explotación.
Medida II. Creación e desenvolvemento de microempresas. O obxectivo desta medida é contribuír á xeración de novos empregos e á dinamización económica dos
territorios rurais, a través do apoio á creación e desenvolvemento de microempresas. Beneficiarios: Persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
-Ter un número de empregados inferior a 10 e un volume de negocios anual ou balance xeral anual non superior a 2 millóns de euros. Para o cálculo de efectivos computaranse os asalariados propietarios que dirixen a súa empresa e os socios que exerzan unha actividade regular na empresa e desfruten das vantaxes financeiras.
-Cumprir co criterio de independencia, nos termos que se establecen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión.
Medida III. Fomento de actividades turísticas. Constitúe o obxecto desta medida: a consolidación e mellora da oferta turística e as infraestruturas turísticas nas zonas rurais, apoiando actuacións que contribúan a crear condicións favorables para o desenvolvemento das iniciativas empresariais no sector. A posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial, natural e paisaxística das zonas rurais. Beneficiarios: Asociacións de empresarios do sector turístico no medio rural. Outras asociacións, fundacións e entidades privadas sen ánimo de lucro. Concellos, mancomunidades de concellos, consorcios e entidades dependentes das anteriores con participación maioritaria dos concellos (só para as actividades subvencionables recollidas na liña B).
Medida IV. Servizos básicos para a economía e a poboación rural. O obxecto desta medida é apoiar a implantación e mellora dos servizos á poboación rural, en especial daqueles que respondan ás novas necesidades dos habitantes e empresas das áreas rurais. Beneficiarios:
-Asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro: actividades subvencionables previstas nas alíneas a, b, c, e, f.
-Cooperativas agrarias e de servizos sociais: actividades subvencionables previstas nas alíneas a, b, c, f.
-Concellos, mancomunidades de concellos, consorcios e entidades dependentes das anteriores en que participen maioritariamente os concellos: actividades subvencionables previstas nas alíneas a, b, c, d, f.
-Asociacións de empresarios e de artesáns: actividades subvencionables previstas na alínea g.
Medida V. Conservación e mellora do patrimonio rural. O obxecto desta medida é favorecer a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural das zonas rurais. Preténdese apoiar a preservación da calidade paisaxística e da diversidade biolóxica, así como incentivar a conservación e a valorización dos elementos patrimoniais e culturais das zonas rurais. Beneficiarios:
-Para as actividades subvencionables previstas na alínea a: comunidades de montes veciñais en man común e asociacións sen ánimo de lucro, sempre que a superficie sobre a cal se vai actuar corresponda a montes veciñais en man común.
-Para as actividades subvencionables previstas nas alíneas b, c: Asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro. Comunidades de montes veciñais en man común. Concellos, mancomunidades de concellos, consorcios e entidades dependentes das anteriores en que participen maioritariamente os concellos.
Prazo de presentación: do 3 de xullo ao 31 de agosto de 2008, ambos incluídos.
Presentación de solicitudes: As solicitudes e resto de documentación requerida dirixiranse ao director xeral da Agader e presentaranse no rexistro xeral da Agader (Rúa dos Camiños da Vida s/n, edificio Witland 2ºA e 2ºC, 15705 - Santiago de Compostela) ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Publicación: DOG nº 127, mércores 2 de xullo de 2008
Máis
información (Actividades subvencionables e Anexos): http://www.xunta.es/dog/Dog2008.nsf/0e5fb445f3681a75c1257251004b10d7/27672caf8c62a30ec1257479004bc96e/$FILE/12700D005P012.PDF
Modelos
de solicitude: http://agader.xunta.es
Información
sobre as axudas: Páxina web da Agader http://agader.xunta.es, teléfono 981 54 73 82, Enderezo electrónico:
areadeseguimentodeinvestimentos@xunta.es, presencialmente, previa cita no
teléfono 981 54 73
82. Fuente web de Cambre |